Comarcas

O Concello de Redondela elabora unha proposta para rescatar o Premio Blanco Amor de novela

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Redondela convocaron os concellos galegos para rescatar o Premio Blanco Amor de Novela, creado en 1981 polo Concello redondelán.

A deputada Ana Isabel Vázquez, o alcalde de Redondela, Javier Bas, o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, e o concelleiro de Redondela Julio Alonso, informaron que durante 33 anos a organización do premio rotou entre os concellos galegos. Neste período o galardón recaeu en autores tan relevantes coma Alfredo Conde, Suso de Toro, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes, Rábade Paredes, Ursula Heinze, Fran Alonso, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Lourenzo González ou Inma López Silva, entre outros.

O Concello de Ferrol foi o encargado de convocar a trixésimo segunda edición do premio pero queixouse do cansazo organizativo e da escasa colaboración do resto dos concellos, xa que apenas se puido manter o número suficiente de concellos para facer fronte ós gastos do premio, de 12.000 €, dos máis altos de Galicia.

Alertado por esta circunstancia, o Concello de Redondela ofreceuse a retomalo e relanzalo coa procura de máis adhesións. Para iso elaborou un plan de rescate que inclúe a participación das deputacións, con achegas de 1.000 €, e no que os 360 concellos de Galicia contribúen con 500, 300 ou 200 €, segundo o seu número de habitantes.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Administración Local, que dirixe o tamén redondelán Alberto Pazos, proporcionan a colaboración técnica, loxística e económica necesaria para que o poidan organizar os concellos galegos.

O Concello de Redondela convocou unha xuntanza con todos os concellos de Galicia, que terá lugar o vindeiro 14 de xullo na Cidade da Cultura, para artellar a nova configuración e o sistema organizativo do Premio Blanco Amor.

Alberto Pazos chamou á participación xa que, segundo dixo, o Premio Blanco Amor non é unicamente un premio literario senón un xeito de facer e enriquecer o noso país. Este certame ten a singularidade de que o organizan todos os concellos de Galicia, que poñen en valor a nosa cultura, e por iso a súa organización nos compromete a todos.

O certame Blanco Amor premia a novela longa, de máis de 150 páxinas, de tema libre; o prazo de entrega dos orixinais concluirá o 1 de setembro e o ditame do xurado darase a coñecer en outubro.

 

También te puede interesar