Vigo al minuto

O Comité de Dalphimetal/TRW de Vigo denuncia a deslocalización de 35 postos de traballo a Portugal

Xosé Antón Outeiro (CIG), presidente do comité de empresa de Dalphimetal-TRW

O comité de Dalphimetal España/TRW de Vigo denuncia que a empresa auxiliar da automoción con sedes no Camiño do Caramuxo e no Porriño vén de comunicarlle a 35 empregados a súa intención de trasladalos a unha das fábricas que ten na localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira, “a pesar de que en 2012 recibiu case 700.000 € en axudas públicas da Xunta e do Goberno español”.

O presidente do comité, Xosé Antón Outeiro, explica que con este traslado do persoal culmínase a deslocalización de parte da empresa iniciada en 2005 tras seren adquirida pola transnacional estadounidense TRW. A raíz da compra a dirección comeza a introducir cambios organizativos na até o momento empresa familiar fundada en 1975 en Vigo. “Entón deslocalizan a fabricación de volantes a Portugal deixando aquí unicamente a sección de airbags, que tamén se está a ver afectada pola deslocalización a outra das plantas portuguesas, nesta ocasión a de Ponte de Lima”.

Nun primeiro momento deciden trasladar tamén o persoal cualificado necesario, enxeñeiros de proceso, mais conservando as condición laborais das fábricas galegas, nun procedemento interno de traslados que se coñece como ‘misión’ -que inclúe unha serie de compensacións como pluses ou dietas-. “Pero agora atopámonos con que pretenden culminar o proceso e que estas persoas se desvinculen definitivamente da empresa con sede en Vigo, pasando a formar parte das portuguesas e con contrato portugués, coa conseguinte perda de dereitos laborais”.

Dende o comité denuncian que isto sucede “a pesar de que o persoal tivo que negociar unha importante redución na última negociación colectiva, levada a cabo en 2011 e todavía vixente na actualidade”. Dalphimetal/TRW conta na actualidade cun cadro de persoal de 420 persoas divididas en dous centros, un de I+D+i no Porriño e o de fabricación en Vigo.

O comité critica tamén que a pesar dos intentos de negociar coa dirección da compañía “péchanse en banda e cínguense á normativa europea que lles permite trasladar o persoal mesmo con acosos individuais para que acceden a asinar” . Finalmente, advirten de que a deslocalización nas empresas de automoción da comarca está a ser unha constante nos últimos tempos, “e todo isto subvencionado polos Gobernos galego e español”.

 

También te puede interesar