RGPD - Cookies

O comité de empresa da TVG condena que a canle pública emitise fotos de Asunta Basterra

O comité de empresa da TVG condena que a canle pública sacase á luz unhas fotografías procedentes do sumario xudicial de Asunta Basterra, a nena asasinada en Teo. A representación dos traballadores considera que estas fotografías están «protexidas polo dereito á honra e á intimidade da menor» e que a súa emisión, «ademais de contravir todos os códigos deontolóxicos, podería vulnerar gravemente tamén a lei do menor».

Ao respecto, nun comunicado de prensa, lamenta que fose «precisamente a canle público galego o primeiro responsable da emisión, vía exclusiva, dunhas fotografías que rapidamente foron reproducidas noutros medios do resto do Estado, o que sitúa a TVG  na orixe dunha grave irresponsabilidade intolerable nun medio de comunicación público».

O comité condena tamén o tratamento informativo que posteriormente lle deron a esa exclusiva os informativos da TVG, ao optar, critica, «por reproducir de novo as imaxes en cuestión». «Antepuxeron o criterio das audiencias ao da responsabilidade e o cumprimento da lexislación, o mesmo que lamentablemente fixeron a web e o Facebook de la Compañía», censura.

A representación dos traballadores da TVG sinala que ‘Galicia 112’ – responsable da exclusiva – «é un programa de produción externa elaborado pola produtora Pórtico», e denuncia «a incompetencia e a falta de profesionalidade e criterio dos responsables da programación e do control de contidos da canle pública por non paralizar a tempo a emisión desas imaxes».

 

También te puede interesar