RGPD - Cookies
Galicia

A Deputación de Lugo primeria que ofrece axudas en Galicia para a recuperación de terras abandonadas

Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo converterase na primeira institución provincial de Galicia que ofrece axudas directas ós agricultores e gandeiros para poñer en produción terras abandonadas co fin de que poidan aumentar a base territorial das explotacións e mellorar deste xeito a súa rendibilidade. Así o anunciaron o presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, nunha rolda de prensa na que presentaron un novo programa de apoio ó sector primario e ó rural dotado con 1,7 millóns de euros, en substitución do denominado Plan de Comunidades Veciñais.

As axudas para recuperar terras baldías é unha das tres liñas de subvencións incluídas neste novo plan, do que poderán beneficiarse os veciños do rural de toda a provincia, sobre todo os que viven da agricultura e a gandería. As outras dúas están destinadas a financiar, por un lado, a instalación ou mellora de traídas de auga e, por outro, infraestruturas de uso comunitario que melloran a calidade de vida da xente do campo e facilitan o seu traballo.

“A superficie agraria abandonada en Galicia incrementouse na última década en máis do 66%, sobre todo na provincia de Lugo, e hoxe o 80% do territorio galego está sen poñer a producir. Queda claro entón que proxectos como o Banco de Terras, ou non están funcionando adecuadamente ou son insuficientes, e que fan falta máis medidas como a que hoxe lles anuncio para incentivar a posta en valor do territorio”, subliñou Besteiro.

Ademais de potenciar o sector primario e recuperar poboación, con esta iniciativa a Deputación “contribúe a previr incendios e a controlar a proliferación de fauna salvaxe favorecendo unha axeitada ordenación do territorio”, explicou o presidente.

Cales son os requisitos para recibir as axudas? A axuda por hectárea deste plan piloto será de 500 €, podendo recibir cada beneficiario un máximo de 9.000 €. Os requisitos a cumprir son os seguintes:

Poderanse beneficiar gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón.

Comprométense a ter en produción a parcela para a que reciban subvención por un período mínimo de dous anos. No caso de incumprir este requisito, perderán a axuda. Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non estarán subvencionadas.

E, “algo moi importante”, destacou Besteiro, “terán que xustificar, achegando a declaración da renda, que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria”. É dicir, engadiu, “daremos as axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo, todo o contrario que a PAC, pois, por culpa dos criterios de reparto fixados polos gobernos central e galego, prima a quen non vive no campo, nin do campo”.

 

También te puede interesar