RGPD - Cookies
Cultura

Educación secunda a apertura de expediente a unha profesora que se negou a participar nunha actividade relixiosa

A CIG-Ensino ven de reclamar a paralización do apercibimento a unha profesora por negarse a participar nunha actividade de carácter confesional. Esta profesora recibiu un apercibimento, porque segundo informou o Xefe Territorial de Pontevedra, César Pérez Ares, a profesora está obrigada a participar nunha actividade de carácter confesional por ter sido esta incluída no Proxecto Xeral Anual do centro.

O Xefe Territorial engade que ademais seguirá realizando este apercibimento nos anos vindeiros se a profesora continúa negándose a participar na actividade. “Isto é unha ameaza que ten por obxecto impedir a libre decisión do profesorado nestas situacións”, critica a CIG.

O sindicato calificou como “moi grave” que Educación faga esta interpretación e aplicación do Réxime disciplinario e máis aínda que o Xefe Territorial anuncie esta medida ante a Permanente da Xunta de Persoal cando está sen finalizar o trámite de audiencia á interesada que non recibiu aínda a resposta ás alegacións presentadas en tempo e forma.

A CIG-Ensino considera de “extrema gravidade” que a esta situación se pretenda darlle a categoría de falta leve e que para iso o Xefe Territorial esqueza intencionadamente que a docente advertiu en reunión de claustro celebrada no mes de outubro que non participaría no acto por ter carácter confesional e que estivo na súa aula, por tanto no seu posto de traballo, durante toda a xornada.

Nun comunicado, a central nacionalista suliña que xa presentou unha proposta de resolución na Xunta de Persoal Docente de Pontevedra que foi aprobada por unanimidade. Nesta proposta de resolución reclamaba “que se anule o expediente aberto a aquel profesorado que sen faltar ás súas obrigas laborais, se negase a participar en actividades de marcado carácter confesional pois estariamos ante un caso de represión por motivos relixiosos e que se comunique aos centros que a participación nese tipo de actos terá sempre o carácter de voluntaria, tanto  para o profesorado como para o alumnado.”

“Estamos ante un caso de persecución ideolóxica e de impedimento da liberdade de cátedra, pois se pretende obrigar o profesorado a participar en actividades que poden ter a consideración de confesionais.”, denuncia a CIG-Ensino.

 

También te puede interesar