RGPD - Cookies
Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica as axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros para 2014

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes as bases reguladoras das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros e a convocatoria para 2014. A Consellería do do Mar destina 13,2 millóns de euros a estas subvencións, co obxecto de “axeitar a capacidade pesqueira da frota aos recursos mariños mediante a redución do esforzo pesqueiro”.

O importe destas axudas será cofinanciado polo Fondo Europeo da Pesca e poderán optar a elas os propietarios de buques pesqueiros da terceira lista do Rexistro de Matrícula de Buques que estean dados de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia e no Censo da Flota Pesqueira Operativa, e estean incluídos nun plan de axuste do esforzo pesqueiro, que non sexa o Plan de Xestión do caladoiro cantábrico-noroeste, por ter éste a súa convocatoria específica (publicada no diario oficial de Galicia do luns 14 de abril).

Ademais, o buque deberá ter unha actividade pesqueira mínima de 90 días de pesca en cada un dos dous períodos de doce meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva ou 120 días de pesca nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude. A embarcación para a que se solicita a subvención debe ter unha antigüidade mínima de 10 anos.

Os interesados en solicitar estas achegas poderán consultar os requisitos e documentación necesaria no DOG de hoxe. Para esta convocatoria, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado dende este mércores, día 16. Poderán presentarse por vía electrónica na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es ou tamén en papel.

 

También te puede interesar