Vigo al minuto

Os traballadores de limpeza do Xeral, en folga dende o día 21

Os empregados de limpeza do Xeral, este venres en asamblea

O persoal de Clece, concesionaria da limpeza do hospital Xeral de Vigo, decidiu este venres en asemblea convocar unha nova folga indefinida en defensa das súas condicións laborais despois de que a empresa lles comunicase a aplicación do convenio provincial e a presentación dun Expediente de Regulamento de Emprego (ERE).

Dende a CIG-Servizos de Vigo explican que tras o laudo arbitral que rematou coa folga do mes de outubro e polo que a empresa tiña que respectar as condicións do convenio colectivo as negociacións entre as partes continuaron durante dous meses. “En marzo, hai tres semanas, tivemos unha mediación no AGA, acadando un preacordo”.

Pero Clece tiña que consultar en Madrid o pactado coa representación dos traballadores e “aos dous días volveuse atrás. Este martes entregoulle ao comité dous cartas, unha de modificación substancial das condicións laborais para aplicar o convenio colectivo de limpeza de Pontevedra e outra na que anuncia a aplicación dun ERE a todo o cadro de persoal”.

Diante disto, os empregados celebraron hoxe mesmo unha asemblea na que se tomaron as seguintes decisións por unanimidade: comezar mobilizacións diarias a partir do luns día 7 de 10.00 a 10 e media da mañá e de 6 a 6 e media da tarde; convocar folga indefinida a partir do 21 de abril, despois da Semana Santa.

 

También te puede interesar