RGPD - Cookies
Cultura

Os traballadores da TVG non poden levar aparatos electrónicos…»será que ten medo de que lle copien a fórmula de Luar»

O director xeral da CRTVG defendeu a norma interna desta empresa pública que impide aos traballadores introducir aparatos electrónicos externos na sede do ente público, co fin de «protexer tanto os seus datos como os seus dispositivos”.

Na súa comparecencia en comisión parlamentaria a instancias de AGE e BNG, Alfonso Sánchez Izquierdo xustificou esta orde, ditada o pasado mes de xaneiro, no «dobre obxectivo de protexer a información da organización» e de manter «o bo desenvolvemento da súa actividade».

Tras puntualizar que os ‘smartphones’ non están incluídos na norma «sempre que sexan para uso persoal» e non se utilicen como «unidades de almacenamento» ou para «interactuar cos sistemas» da CRTVG, Sánchez Izquierdo indicou tamén que os equipos da Compañía non poden ser utilizados para «uso persoal» nin se poden instalar neles programas «sen autorización previa».

Ademais, a empresa resérvase o dereito de «monitorizar aleatoriamente» o acceso a Internet de calquera usuario dentro da rede corporativa e de tomar «medidas disciplinarias» en caso de que se incumpran as normas, que inclúen «a máxima reserva dos datos da compañía» aos que cada traballador teña acceso mesmo tras a extinción da súa relación laboral co ente público.

Esta circular interna valeulle numerosas críticas dos grupos da oposición, que coincidiron con AGE en que o director xeral da CRTVG busca liderar o ente «coa estratexia do medo» para acalar as voces críticas «coa manipulación» da información. Á deputada do BNG Montse Prado pareceulle tan ilóxica a medida que, irónicamente, preguntoulle ao director xeral «ten medo de que rouben a fórmula de Luar e a pasen á competencia?».

 

También te puede interesar