RGPD - Cookies
Comarcas

143 incidencias polo temporal, 74 delas na provincia de Pontevedra, e posibilidad de pechar o Corredor de O Morrazo

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou entre as 6 da tarde deste venres e as 6 da mañá de hoxe, un total de 143 incidencias a causa do temporal costeiro e de vento en terra que está a afectar a Galicia.

Así se desprende dun informe do centro de emerxencias galego, no que se explica que a maioría destas incidencias tivo relación co vento, sendo as máis comúns caídas de árbores, pólas e outros obxectos. Por provincias, a máis afectada foi a de Pontevedra, con 74 incidencias, seguida da Coruña, con 50, e Lugo, con 2.

As incidencias máis relevantes das que se teñen constancia tiveron lugar en Ribadumia, onde caeu o muro do Pazo de Quinteiro da Cruz a unha pista municipal, en Gondomar, onde unha árbore tirou o tendido eléctrico e caeu enriba dun coche e no Corredor de O Morrazo onde técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas estudan as consecuencias dun desprendemento, sen descartar o peche do ramal.

Para este sábado está activado o nivel de alerta vermella -de risco extremo- por temporal na costa das provincias da Coruña e de Lugo. Nestas zonas haberá mar de fondo combinada con mar de vento do oeste-noroeste con ondas de entre nove e dez metros de altura.

O litoral de Pontevedra permanecerá en alerta laranxa -risco importante- durante toda a xornada, con mar combinada de oeste-noroeste e ondas de entre cinco e oito metros. Así mesmo, continúa o nivel laranxa decretado hoxe por vento en terra en toda a provincia da Coruña, na Mariña lucense e nas Rías Baixas, con refachos que poderán acadar ata os 120 quilómetros/hora nalgunhas zonas.

 

También te puede interesar