Vigo al día

Os vigueses de Berrogüeto anuncian a súa disolución

O grupo folk vigués Berrogüeto ven de facer pública unha nota na súa páxina web na que anuncia a súa disolución logo de 18 anos xuntos. “Facémolo cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados”.

Os integrantes da agrupación engaden, “logo de 5 discos e un libro-disco editados e un bo feixe de inesquecibles concertos, poñemos fin á nosa carreira como grupo, conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical”.

“Non podemos nin queremos deixar de agradecer o apoio recibido por parte da crítica e, de xeito especial, das nosas familias e do noso público. Todos eles fixéronnos sentir o seu alento e apoio ao longo de todos estes anos de andaina musical, nos bos e nos malos momentos”.

Por último o grupo anuncia que a despedida será pública e por toda Galicia, “tentaremos corresponder á vosa incondicional fidelidade da maneira que mellor sabemos, cunha pequena xira de despedida por algunhas das vilas máis importantes do país, que anunciaremos no seu momento”.

 

También te puede interesar