Galicia

A Xunta levará a cultura do ’emprendemento’ a 5.000 rapaces en 50 concellos de Galicia

A Xunta impulsará a cultura do ‘emprendemento’ entre 5.000 alumnas e alumnos de 50 concellos de toda Galicia a través do novo programa ‘Eduemprendende Actúa’. A actuación, enmarcada no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, ‘eduemprende’, desenvolverase en 99 centros de ensino- 14 Centros Integrados de Formación Profesional e 85 IES- e implicará a 200 docentes. O obxectivo é achegar aos estudantes experiencias de persoas emprendedoras, como medio para amosarlles esta actividade como unha alternativa laboral.

A primeira sesión de ‘Eduemprende Actúa 2014’ desenvolveuse o 28 de febreiro no CIFP Ferrolterra. En total desenvolveranse 46 accións, distribuídas en 3 fases. Na primeira delas o profesorado realiza unha sesión na aula para presentar e reflexionar sobre a actividade que se vai desenvolver na fase 2. Esta segunda etapa conta coa participación de persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ademais de coa presentación diante do alumnado dunha persoa emprendedora que comparta con eles a súa experiencia persoal, de tal forma que os estudantes vexan a actividade emprendedora como unha alternativa laboral. A terceira fase consistirá nunha análise na aula entre o profesorado e o alumnado participante na actividade para obter conclusións.

O novo programa vai dirixido ao alumnado que estea a cursar segundo curso dos ciclos formativos e “Economía”e “Economía da empresa” en 2º de bacharelato, co fin de que poñan en valor o seu talento emprendedor como ferramenta para o seu desenvolvemento profesional. Así, as accións formativas permitirán actualizar os conceptos que as rapazas e rapaces teñen de ‘empresario’, ‘emprendedor’ e ‘actividade emprendedora’, grazas ao achegamento da realidade emprendedora ao centro educativo coa presenza activa do persoal técnico do IGAPE e dunha persoa emprendedora que de a coñecer ao alumnado a súa experiencia persoal. Desta forma ademais darase a coñecer entidades que orienten, axuden e sirvan de soporte para a canalización da iniciativa dos emprendedores.

A primeira edición deste programa ‘Eduemprende Actúa’ pasará por 99 centros educativos das catro provincias galegas. As datas das sesións que se celebrarán nos diferentes centros pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.es/fp/programa-eduemprende-actua .

 

También te puede interesar