Vigo al minuto

O fiscal superior de Galicia ofrécese aos Afectados polas Preferentes para falar cos novos donos de NGB

A Plataforma de Afectados polas Preferentes e subordinadas do Baixo Miño amosou este venres a súa satisfacción tras a reunión que mantiveron os seus representantes co fiscal superior de Galicia, que se ofreceu a dirixirse á nova dirección de Novagalicia Banco para explicarlle a súa situación e a intervir nunha posible negociación.

Segundo indicou Xulio Vicente, os afectados pretendían “aclarar a posición do fiscal” respecto á problemática do colectivo e facerlle entrega dunha memoria na que recollen “tódalas sancións” por vía administrativa que “interpuxeron dende a subdelegación do goberno e a Deputación de Pontevedra” contra algúns membros da plataforma. “Unhas sancións que son mentira e son inxustas, algunhas postas a persoas de mais de 70 e 80 anos, a enfermos de cancro”, salientou o voceiro da Plataforma.

Vicente explicou que a súa intención foi que o fiscal dispoña de “toda a información, por se nalgún momento se lle require un pronunciamento respecto ao que está a acontecer”. Finalmente, subliñou que Carlos Varela se ofreceu a reunirse coa nova dirección da entidade bancaria para comunicarlle “o punto de vista da Fiscalía, por que se presentou a demanda, e por que debe buscarse unha solución para os afectados”.

 

También te puede interesar