Deportes

A Federación Galega de Taekwondo retoma a súa actividade

Fotografía: Federación Galega de Taekwondo

A Federación Galega de Taekwondo retoma esta fin de semana a actividade despois do período de vacacións coa celebración dun seminario e dúas concentracións.

“Seminario de prevención de lesións no taekwondo”. O próximo sábado 11 de xaneiro – de 5 a 8 da tarde – celebrarase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o curso de prevención de lesións no taekwondo, ofrecido por Luis Casais, profesor da Facultade de Ciencias do Deporte de Pontevedra. Este seminario está dirixido aos deportistas e adestradores e no mesmo están inscritos un total de 30 alumnos. O curso será gratuíto para os membros das seleccións galegas e os adestradores colexiados no ano 2014.

O día 11 de xaneiro -10 da mañá a 2 da tarde – celebrarase unha preselección absoluta no CGTD co seleccionador galego Jesús Benito. Na preselección, de onde sairán os deportistas que representarán a Galicia no Campionato de España, participarán quince deportistas masculinos dos pesos -54, -63, -87 e + 87, ademais de 24 taekwondistas femininas dos pesos -46, -49, -53, -57, -73 e +73. As e os deportistas terán que enfrontarse entre eles para decidir quen acudirá ao Campionato de España.

Preselección xúnior. Celebrarase o día 11 de xaneiro no CGTD – de 10 e media da mañá a 2 da tarde – coa participación de 24 deportistas femininas e 21 masculinos, que buscarán a praza para disputar o Campionato de España.

 

También te puede interesar