Galicia

A Xunta advirte: os concellos teñen que asumir o canon de Sogama ou irse

O conselleiro de Medio Ambiente rexeitou este luns reabrir o diálogo en torno ás tarifas que Sogama cobra aos concellos pola xestión do seu lixo e advertiu aos alcaldes que “o único camiño que teñen é asumir o canon ou abandonar” ese sistema de xestión de residuos.

En declaracións aos medios, Agustín Hernández lembrou que en novembro xa se negociaron alternativas para atrasar a entrada da suba do canon, pero reprochou que esa opción foi rexeitada. “Nós ofertamos aos alcaldes unha posibilidade e eles rexeitárona. Non eles, os seus partidos deron a orde de rexeitar esa posibilidade, que na miña opinión, ía na liña de beneficiar aos concellos e aos veciños”.

As declaracións do conselleiro son a resposta á mobilización anunciada polos alcaldes contrarios á suba do canon que cobra Sogama e que adiantasen que presentarán recursos pola vía xudicial e se negarán ao pagamento das facturas.

Hernández, logo de subliñar que estar integrado neste sistema de xestión de residuos “é unha decisión libre”, posto que Sogama “presta un servizo aos concellos de forma voluntaria, un servizo que é de titularidade municipal”, retou a aqueles que non queran seguir nel que o abandonen se atopan un sistema máis económico, pero avisounos de que o que “é ineludible” é o cumprimento da normativa europea. “Se algún concello é capaz de atopar un sistema respectuoso co medio ambiente, que cumpra a normativa europea, non temos ningún inconvinte, todo o contrario, en que abandone Sogama”, proclamou.

Ainda así, engadiu que “é moi doado falar”, porque recordou que Sogama é “o sistema máis barato que existe en Galicia, e un dos máis baratos que existen en España”. Ao respecto, referiuse ao “fiasco do sistema do Morrazo, que non chegou a funcionar nunca”; a Nostián, un sistema moitísimo máis caro”; e ao modelo do Barbanza, o cal presenta un prezo similar a Sogama coa aplicación da suba do canon, pero no cal “tamén existen problemas ao respecto da solvencia e do mantemento da capacidade de prestar o servizo por parte da concesionaria”.

 

También te puede interesar