Galicia

Oito integrantes de Ve-la luz cumpren 10 días en folga de fame

Oito integrantes da Asociación Galega para a defensa de mulleres e niñ@s vítimas da Violencia de Xénero e/ou abuso ‘Ve-la luz’ cumpriron este xoves, en A Coruña, 10 días en folga de fame “contra o terrorismo machista e o maltrato institucional”, sinalan nun comunicado no que agradecen o apoio a través das redes sociais.

Asimesmo, denuncian as “reaccións inexistentes” da clase política a unha protesta á que “dúas mulleres máis se uniron, unha en Valencia e outra en Baleares”, indican no balance destes 10 días de folga.

Xunto ás críticas á clase política, cuestionan o “seguimento por parte dos servizos sanitarios, impropio dunha folga de fame, e as manifestacións dende o sistema xudicial, canto menos, insuficientes”, apostilan as representantes de ‘Ve-la luz’.

No seu comunicado, lembran os motivos do inicio desta folga de fame, “ou, dito doutro xeito, qué condicións terían que cumprirse para que interrompesen a protesta”, indican sobre os motivos que lles levaron a secundar unha segunda folga de fame tras realizar unha protesta similar en novembro.

Así, entre as súas demandas, está a revisión “inmediata” de expedientes sobresidos a vítimas; a creación dunha comisión de investigación parlamentaria específica de violencia de xénero en cada autonomía e a suspensión de visitas aos menores ante indicios de violencia.

 

También te puede interesar