Deportes

Lúa Piñeiro, en Manchester para participar no ‘Gran Prix’ de taekwondo, coa vista posta nos Xogos Olímpicos

A galega Lúa Piñeiro (-67 quilogramos) xa se atopa en Manchester para competir no Grand Prix, que se celebrará entre os días 13 e 15 de decembro. Nesta competición participarán as mellores do ránking mundial, polo que para Lúa é a proba máis importante da tempada.

A deportista galega chegou onte a Manchester e tras facer un suave adestramento asegurou que “as sensacións son moi boas”. Ademais xa coñece o que lle espera nos próximos días: “O venres, pesada, e o sábado a competición”.

Comezará o campionato fronte á rusa Anastasia Baryshnikova (8ª no ránking mundial do seu peso), unha rival durísima e cun curriculum espectacular. A rusa foi campioa de Europa sub 21 no ano 2009, precisamente en Vigo, e a partir deses intres os seus resultados son impresionantes: Bronce no Mundial sénior 2011 e ouro no Europeo 2012. Iso si, no Mundial de Puebla caeu na primeira rolda de forma clara contra Franka Anic (12-3).

Pero a Lúa non lle asusta Baryshnikova e aínda que sabe que chegar lonxe nesta competición será complicado, dado o nivel das participantes, soña co máximo: “Quedan cinco combates por diante”, asegura en su facebook. A galega está a facer unha tempada espectacular e no Mundial de Puebla quedou a so un paso das medallas, tras perder contra a representante de China Taipei, Chia Chia Chuang, en cuartos.

Na primeira edición do Grand Prix de Manchester participarán 250 atletas, os mellores do ránking mundial, divididos en oito pesos, e en xogo está sumar puntos para os Xogos Olímpicos de Río. Sen dúbida, a cita máis importante da tempada.

 

También te puede interesar