Ciencia y Tecnología

1.700 rapaces de 30 colexios galegos poderán falar con Papá Noel por vídeoconferencia

Máis de 1.700 rapaces duns 30 centros educativos das catro provincias poderán falar con Papá Noel a través de videoconferencia grazas a unha iniciativa da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), que se desenvolverá entre o 11 e o 20 de decembro.

Un ano máis, a Rede CeMit aproveita estas datas para brindar aos nenos de diversas localidades a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poderán pedirlle os seus regalos de Nadal. Este intercambio de mensaxes comezará o mércores 11 de decembro con escolares de Valga, Monforte de Lemos e Betanzos, que serán os primeiros en poder falar con Papa Noel en tempo real desde as aulas Cemit destas vilas.

Ata o día 20 inclusive Papá Noel estará, a través de videoconferencia, cos nenos e nenas dos concellos de Abegondo, Barreiros, Betanzos, A Cañiza, Carballedo, Catoira, Celanova, Cerceda, A Estrada, Ferrol, Fisterra, A Fonsagrada, Foz, Manzaneda, Marín, Moaña, Monforte de Lemos, Mugardos, Muros, Negreira, Ortigueira, Ourense, Pontedeume, Quiroga, Ribadeo, Santa Comba, Sarreaus, Valga, Verín, O Vicedo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Xunqueira de Ambia.

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen, acurtando distancias e facendo posible a comunicación entre diversas localidades nun mesmo proxecto común.

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

También te puede interesar