Galicia

Dende este luns, os médicos de familia poderán atender aos seus pacientes por teléfono

Dende este luns, día 2, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estenderá a todos os centros de saúde e consultorios, a posibilidade de que os pacientes sexan atendidos telefonicamente polo seu médico de familia mediante un proceso novo.
Deste xeito, segundo subliñou o presidente Feijóo, Sanidade agarda mellorar a accesibilidade dos cidadáns ao sistema sanitario e en “evitar desprazamentos innecesarios“.

Ademáis, a Xunta pretende favorecer a implantación de sistemas organizativos que posibilitan as consultas e revisións non presenciais por parte dos pacientes e das persoas coidadoras “mediante o uso das novas tecnoloxías da información e comunicación”.

Deste xeito, o novo servizo permitirá aos pacientes que pidan unha cita, tanto telefonicamente como por internet, elixir voluntariamente a posibilidade de ser atendido de forma presencial ou telefónica polo seu médico de cabeceira.

O Sergas xa puxera en marcha en xuño un proxecto piloto de consulta telefónica non presencial en sete centros de saúde: en A Covada-Oleiros (A Coruña), Ares en Ferrol, Baleira en Lugo, Cercedo en Pontevedra, A Baña en Santiago, Salvaterra en Vigo e Toén en Ourense, proxecto que segundo o xefe do executivo galego dera bos resultados.

O presidente subliñou que a actividade deberá rexistrarse na historia do paciente e que, no caso no que o facultativo o considere oportuno, este poderá ser remitido a unha atención presencial.

Así mesmo, indicou que o obxectivo é que “entre o 15 e o 20% das consultas solicitadas sexan en modalidade telefónica e que menos do 10 % das consultas telefónicas pedidas sexan reconducidas en presenciais”.

También te puede interesar