Galicia

Convocada unha ‘Marea Branca’ pola sanidade pública o vindeiro día 10

A CIG e outras organizacións sindicais convocan a todo o persoal sanitario, traballadores de hospitais e centros de saúde e” a toda a sociedade en xeral” a secundar algunha das 13 manifestacións e concentracións que terán lugar o próximo 10 de decembro noutros tantos concellos galegos , coincidindo coa segunda xornada de folga convocada na sanidade, co fin de  formar unha “grande marea branca pola sanidade pública e en contra da privatización”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde subliña que, ademais de reivindicar os dereitos laborais do persoal sanitario, a mobilización intentará “parar a privatización da sanidade e os recortes na mesma”.

María Xosé Abuín critica os “atropelos á sanidade pública por parte do actual Goberno”, ao tempo que acusa á Xunta de intentar “converter a sanidade nun negocio para as empresas amigas: a  sanidade non é un negocio, é un dereito fundamental”.

Segundo datos oficiais,indica, entre 2011 e 2013 xubiláronse uns 3.200 traballadores na sanidade pública galega e só se convocaron probas de elección para cubrir 300 postos que quedaron valeiros.

Á vista da situación creada por todas estas cuestións, os sindicatos convocaron a toda a sanidade galega, uns 33.000 traballadores, a unha folga que durará 48 horas e coa que confían en que a administración atenda ás súas reclamacións e, ao mesmo tempo, chaman a toda a sociedade a diferentes manifestacións e concentracións o vindeiro día 10, ás 8 da tarde en O Barco – dende o Hospital Comarcal -, Ourense – Pavillón dos Remedios – , Vigo – Hospital Xeral-, Lugo – Edificio Multiúsos da Xunta -, Pontevedra – Hospital Provincial – , Santiago – Praza Roxa – , A Coruña – Casa do Mar – e O Barbanza – Centro de Saúde – .

 

También te puede interesar