Galicia

Yolanda Díaz, “o que vai pasar Carmen Iglesias no Parlamento non llo desexo a ninguén”

A vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu a pedir este domingo, nunha entrevista concedida á Radio Nacional (RNE),á candidata número dous de AGE por Ourense, Carmen Iglesias, que “recapacite” e desista da súa intención de ocupar o escano que deixará o 30 de novembro David Fernández Calviño, e advertiulle “vai ser moi duro o que vai vivir no Parlamento, nin á persoa que peor relación tivese con ela lle desexo o que vai vivir”.

Yolanda Díaz salientou que “son unha muller moi testana no persoal e o político”, engadindo que lle gustaría que Carmen Iglesias “recapacitase e que antepuxese os intereses colectivos das catro formacións que compoñen AGE por enriba dos intereses persoais”.

“Gustaríame mesmo a nivel persoal, porque creo que vai ser moi duro o que vai vivir Carmiña no Parlamento galego”, indicou Díaz, quen lembrou que Iglesias “está suspendida temporalmente de militancia” de Esquerda Unida.

Sobre as declaracións da deputada popular Paula Prado, nas que indicaba que AGE se presentou ás eleccións como unha coalición “antisistema”, pero os seus membros “se aferran ao sistema” para ter un posto, Yolanda Díaz replicou que “Paula Prado está un pouco despistada, AGE antepón a ética a outro tipo de razóns máis espurias, que ela (en referencia a Prado) fala delas porque as coñece ben, porque estamos mesmo dispostos a perder un escano, que é unha cousa importante na política, en defensa da ética, da dignidade,“, contrapuxo.

Neste sentido, referiuse ao “número en que rematou a lista do Partido Popular a pasada lexislatura…os partidos sistémicos o que fan é arranxar as cousas doutro xeito, como xa sabemos, vou quedar aquí por dicilo diplomaticamente”, reprochou aos populares.

 

También te puede interesar