Vigo al minuto

Acusan a un mando policial da actuación dos Antidisturbios na manifestación contra a Lomce en Vigo

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, a Confederación Española da Policía (CEP) culpou a un mando policial da UIP (Unidades de Intervención Policial) das feridas ocasionadas a cinco axentes antidisturbios pola súa ‘deficiente xestión’ durante os incidentes que se produciron este mércores en Vigo na manifestación contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce).

“Os policías víronse abocados a cumprir unhas ordes incoherentes e imprecisas, cando non inexistentes as cales emanaban dun responsable do dispositivo que, chegado o momento dos disturbios, eludiu toda responsabilidade, abandonando aos seus homes á súa sorte”, di o comunicado emitido polo Comité Rexional de Galicia da CEP.

A Confederación de Policía acusa a este responsable policial de incorrer “nun acto de completa ineptitude e desparecer do mapa privando aos seus policías dun obxectivo punto de vista externo e dunha axeitada coordinación”.

A CEP engade que “o que debía ser unha sinxela e rápida intervención converteuse nunha actuación lamentable, achacable en exclusiva a este mando policial, na que os funcionarios se limitaron a repelar unha e outra vez unha serie de agresións sen saber onde nin cando lles caían as pedradas”, insiste a nota.

Esta organización informa de que remitiu á Xefatura Superior de Policía de Galicia un escrito no que piden explicacións acerca de o sucedido.

 

También te puede interesar