Comarcas

Denuncian o intento de traspasar á propiedade privada o ‘Colexio das Monxas de Tortoreos’ en As Neves

O Colexio das Monxas de Tortoreos, en As Neves, -un magnifico edificio de principios do século XX cunha exquisita capela barroca- foi cedido pola Marquesa do “Pazo da Merced”, Dona Purificación Fontán, para uso educativo, con carácter gratuíto e destinado, esencialmente, aos veciños e veciñas de Tortoreos. No suposto de que o uso educativo gratuíto non puidera levarse a cabo o edificio debería destinarse a asilo de anciáns e/ou de enfermos pobres das ditas parroquias (estipulación décima).

Segundo indica o Bloque Nacionalista Galego, para administrar esta propiedade, e velar polo cumprimento dos seus fins, constituíuse unha Fundación denominada “Fundación Benéfico Docente Colegio de la Virgen de la Merced e a representación desta Fundación recaeu nun Patronato formado por: Presidente: O Sr. Obispo de Tui-Vigo, Vicepresidente e Administrador Depositario: O Sr. Cura párroco de Tortoreos, Vocal: O Sr. Cura párroco de As Neves, Vocal: O Alcalde de As Neves, Secretario: Coadxutor de Tortoreos e  Vicesecretario: Coadxutor de As Neves.

O día 30 de abril de 1974, sendo Obispo de Tui-Vigo o Sr. Delicado Baeza, celebrouse contrato co “Centro de Iniciativas para la Formación Agraria” (CIFA) polo que o Patronato da Fundación Colegio Virgen de la Merced” puña a disposición da EFA o inmoble e a finca do “Colexio das Monxas” por un período de 60 anos -que rematan o ano  2034-.

En setembro de 1999 CIFA cedeu á Fundación para a Promoción e Desenrolo Rural (Fundesar) o uso do edificio nas condicións que lle foran recoñecidas, (obrigas, dereitos de uso e tempo de duración).

Recentemente constituíuse a “Fundación EFA A Cancela”, tendo entre ás socias e integrantes do Patronato a María del Carmen Gil, concelleira de Benestar e tenente de alcalde de As Neves e “esta Fundación rexe de facto dende principios de ano o colexio das monxas, todas elas vinculadas ao Opus Dei”.

Recentemente “EFA A Cancela” iniciou xestións co Patronato da “Fundación Benéfico Docente Colegio de la Virgen de la Merced”, “é dicir, co Alcalde e o cura das Neves, o Bispo, o cura de Vide e o cura de Tortoreos, para legalizar a súa situación e -polo que parece- insistir na idea de facerse coa propiedade do edificio baixo o pretexto de ser necesario acometer obras de rehabilitación moi importantes. O que non deixa de ser paradoxal pois unha das condicións impostas para cesión de uso gratuíto por sesenta anos é precisamente o seu mantenimento”.

Xa en xuño de 1990 se reunira o Patronato da Fundación para tratar da cesión da propiedade do edificio do “Colexio das Monxas” á EFA; e acordaran daquela cederllo gratuitamente impoñéndolle cinco condicións sobre o seu uso. “Esa cesión non chegou a materializarse porque houbo unha total oposición das veciñas e veciños”.

As Asociacións de veciños, culturais, de montes, os grupos políticos do BNG e PSOE, e a sociedade civil xeral da parroquia de Tortoreos no concello de As Neves, de novo, queren mostrar a súa preocupación por esta nova, e rexeitan por completo calquera intento de cesión da propiedade  deste inmoble a calquera particular ou institución privada, pois a vontade da “benefactora” foi o seu uso público e gratuito.

 

También te puede interesar