RGPD - Cookies

@Gconfidencial, mil primaveiras máis para o xornalismo en galego

Para celebrar os seus primeiros 10 anos de vida, Galicia Confidencial organiza unha serie de actos este venres, na Facultade de Xornalismo de Santiago.

As 7 e media, terá lugar unha mesa redonda sobre o pasado, presente e futuro dos medios galegos en Internet, na que intervirán Rocío Castro, primeira directora de Vieiros- medio galego pioneiro na Rede -, Marcus Fernández, coordinador de Códico Cero –o xornal de ámbito científico e tecnolóxico máis antigo do país-, Ubaldo Cerqueiro, director de ‘Qué pasa na costa’ –principal medio dixital da Costa da Morte –e o decano de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, todos eles baixo a coordinación do decano da Facultade de Xornalismo, Xosé Pereira.

Ás 9 da noite, farase unha presentación destes 10 anos de traballo de Galicia Confidencial e, para pechar os actos, actuará o grupo Herbens Consort, con Felipe Rodríguez (frauta), Eliseu Mera (barítono), Carlos García Amigo (viola e gamba) e Diego Rojo (arquilaúde).

Segundo nos conta, na súa amable invitación, o noso querido Xurxo Salgado, director de GC, “ao final haberá uns humildes petisquiños e viños que, como sabedes, o noso orzamento non dá para moito”.

Xurxo, no nome da redacción de vigoalminuto, unha aperta, nosa noraboa e, lembrando a Cunqueiro, mil primaveiras máis para o xornalismo en galego.

 

También te puede interesar