RGPD - Cookies
Comarcas

Desmantelada na provincia unha banda que roubaba xoias en casas e detidas 16 personas

Foto: Arquivo

A Garda Civil de Pontevedra ven de desmantelar unha banda especializada no roubo e furto de xoias en domicilios, e detivo 16 persoas nas localidades de Vilaboa, Cotobade, Pontevedra, Poio e Ponteareas.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a ‘Operación Pimos’ arrancou hai meses, cando se estableceron as primeiras conexións entre roubos con forza e furtos cometidos en domicilios de diferentes lugares de Galicia.

A investigación permitiu identificar a este grupo criminal, perfectamente organizado, que se movía por toda Galicia. A banda especializouse no roubo de xoias e, de feito, nos rexistros que se levaron a cabo tras os arrestos, atopáronse ferramentas profesionais para a pesaxe de ouro e pedras preciosas, lupas, sistemas para contrastar a pureza de diamantes, ou distintos ácidos empregados en xoiaría.

Os membros da organización,na que cada un cumpría unha determinada función, están imputados por pertenza a grupo criminal. Vincúlaselles con, polo menos, unha vintena de roubos cometidos en domicilios de Salvaterra, Vilagarcía, Poio, Pontevedra, Caldas de Reis, Soutomaior, Sada, Bergondo e Ourense.

O pasado 22 de outubro detívose a dez persoas e, posteriormente, a outras seis. A varios deles tamén se lles relaciona con delitos de tráfico de drogas e, de feito, cinco dos detidos participarían na introdución de estupefacientes no cárcere de A Lama.

Os ladróns seleccionaban as súas vítimas cando cría que eran un obxectivo viable, e realizaban un seguimento para coñecer os seus hábitos e horarios. Mesmo chegaban a preguntar os veciños para informarse dos costumes das vítimas.

Os roubos producíanse sempre de día, cando non estaban os habitantes das vivendas que, ás veces, atopaban traballando o campo en terreos anexos ás casas. Mentres uns membros da banda vixiaban o ámbito, outros accedían ao interior dos domicilios para subtraer as xoias.

Nos rexistros dos domicilios dos detidos, ademais das xoias e efectos para a súa manipulación, atopáronse reloxos, equipos informáticos, teléfonos móbiles, cámaras de fotos, unha importante cantidade de diñeiro en metálico, 14 gramos de cocaína e un revólver.

O material incautado, do que non se puidera acreditar a súa procedencia, permanecerá exposto nas dependencias da Garda Civil en Poio. Os detidos foron postos a disposición do xulgado de instrución número 3 de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

 

También te puede interesar