RGPD - Cookies
Galicia

A Consellería do Mar autoriza 100 cordas máis por batea para paliar o efecto da marea vermella

A Consellería do Mar autorizou ao sector mexilloneiro a colocación de 100 cordas máis por batea –por riba das 500 de tope máximo- para evitar que perda a produción debido ao episodio de toxicidade que impide retirar e vender o molusco.

Deste xeito, os profesionais poderán utilizar a técnica coñecida como ‘desdobre’, ao pasar o bivalvo de maior tamaño a novas cordas para regular o peso co obxectivo de conseguir salvar a colleita. Con iso, o mexillón poderá continuar o seu ciclo de vida.

Os ‘bateeiros’ poderán instalar o extra de cordas nos polígonos situados en zonas afectadas pola marea vermella dende este momento e ata un mes despois da reapertura da área en cuestión.

Xunto a esta decisión, a Xunta estuda outra das peticións trasladadas polo sector na comisión do mexillón celebrada a semana pasada: a creación de subzonas, o que permitiría decretar peches e aperturas en espazos de menor tamaño, nos que a presenza de toxicidade pode existir ou non.

Este mércores, día no que se cumpren xustamente dúas semanas dende que o instituto acordou prohibir a extracción de mexillón da maior parte dos polígonos de bateas, seguen pechados a grande maioría a excepción de tres, situados en Redondela, na ría de Vigo.

 

También te puede interesar