A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca para este xoves, coincidindo coa xornada de folga na educación, unha manifestación para mostrar o seu rexeitamento á Lomce e aos «recortes» da Xunta. A mobilización desenvolverase a partir das 11 e media da mañá e sairá dende a Praza de España, realizando un percorrido que concluirá na Porta do Sol.
A plataforma explica que o acto de protesta, ao que invita a participar a toda a cidadanía, ten o obxectivo de «esixir a retirada da Lomce, con todo o que ten de nocivo» e de «combater os recortes que a Consellería de Educación está a levar a cabo en materia de ensino».
O colectivo denuncia a existencia de medidas como subida de taxas, redución de bolsas e endurecemento de criterios de acceso a elas, eliminación da gratuidad do comedor escolar para o alumnado transportado e «a suba do prezo que as familias terán que pagar para que os seus fillos vaian ao comedor».
Tamén critica que «se segue recortando profesorado» ao non se cubrir xubilacións e que os mestres son cada vez «menos», polo que lles toca «máis alumnado» e «impartir máis materias».
A Plataforma pediu o Goberno central e á Xunta «un xiro radical nas súas políticas«, ao tempo que incidiu na necesidade de que a sociedade sexa consciente de que «o ensino non é solo cousa da comunidade educativa».
Finalmente, o colectivo vaticinou que, de seguirse como ata agora, se camiña «cara a unha sociedade moito máis inxusta e menos igualitaria» na que «só os fillos das familias máis acomodadas poderán chegar á universidade e os fillos da clase obreira serán solo man de obra barata».