A oposición califica de realidade virtual a visión que ten Feijóo de Galicia

O voceiro parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) preguntou este martes ao presidente da Xunta “cantas vítimas máis” fan falta para que “entre en razón” e “rectifique” as súas políticas “antisociais”. “¿Cantas vítimas, inclusive mortais?”, resaltou.

Na súa intervención no Debate sobre o Estado da Autonomía, Xosé Manuel Beiras aludiu así ao aumento de suicidios por estar en “situacións límite”; ao incremento na taxa de mortalidade dos anciáns, “que non se medican debido aos repagamentos” nos seus fármacos; e á suba no número de mortes na área de cardioloxía, debido ao “alongamento dos traslados por urxencia”.

“¿Non senten calafríos ante estes dramas?”, interpelou o presidente, crítico con que o Goberno intente “negar as evidencias” ou “descualificar” aos que “se arriscan a denunciar a situación”.¿Carecen vostedes de sensibilidade, son vostedes de madeira?”, insistiu o veterano deputado nas súas preguntas.

Ante esta situación, Beiras criticou que a Xunta actúa xa non como “unha brigada de demolicións” senón máis ben como “un comando de exterminio” e advertiu a Feijóo de que pasará ás crónicas como “o enterrador” de Galicia.

Beiras reprochou a Feijóo a súa falta de “escrúpulos” para proclamar que “Galicia cumpre”. “Cumpre como cumprían os labregos que pagaban os foros aos amos das terras, que os condenaban á miseria ata que morrían ou emigraban”, comparou coa situación actual, na que “morren os máis desvalidos ou emigran os mozos”.

Á vista dos “incumprimentos” programáticos do PP na Xunta e o Estado e de que “ninguén elixiu” aos organismos comunitarios, o histórico nacionalista lamentou que a situación actual é o “retorno ao franquismo sen Franco combinada coa Corte dos Milagres valleinclanesca”.

O voceiro de AGE augurou que se houbese unha nova convocatoria electoral, o PP perdería os comicios en Galicia. “Fagan a proba”, retou en dirección aos bancos azuis do Goberno galego, sen deixar de advertir de que a “rebelión cívica” acabará co “poder autocrático” dos populares. “Os cidadáns sempre acaban por derrotar os tiranos de calquera tipo”, engadiu.

“É a hora da soberanía popular no sentido propio da palabra. É hora da reconquista dos dereitos e liberdades cívicas e políticas efectivas. É a hora da rebelión cívica como motor da nosa emancipación. É a hora dunha quebra democrática con este réxime putrefacto”, arengou Beiras, recuperando o ‘venceremos nós’ que cantaba na súa xuventude fronte ao franquismo.

Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentario do BNG, replicou ao presidente que “Galicia ten que ter dereito a decidir” para non caer na “irrelevancia” á que, ao seu xuízo, conduce a xestión do mandatario autonómico, a quen lle pediu que “rectifique” e que “non traizoe á terra que lle deu o seu ser”, parafraseando a Castelao.

Jorquera lamentou que Feijóo “non defenda os intereses de Galicia”, e puxo coma exemplo a venda de Novagalicia, e acusoulle de ser “cómplice necesario para o espolio do país: a súa posición conduce a Galicia á irrelevancia e a consecuencia é a ruína “, advertiu.

O novo voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, propuxo ao presidente alcanzar dous compromisos básicos para Galicia, un dos cales sería pactar “un programa de emprego neto, estable, no sector privado” que atenda a 30.000 persoas, primando os que teñan “menos dun ano de experiencia laboral” e que leven máis de doce meses no paro.

A segunda proposta, e co fin de que as empresas “funcionen” e de que haxa crédito e liquidez, radica en “manter Novagalicia Banco como entidade financeira galega”. “Vostede ten os recursos, depende do FROB e do Goberno de España”, dixo dirixíndose a Feijóo e, como os demais voceiros parlamentarios, tamén reprochou ao xefe do Executivo a súa referencia ao accidente de Angrois.

“Hoxe reclámolle espírito construtivo e un cambio de política que devolva a esperanza ás persoas”, solicitou o deputado socialista, tras parafrasear o presidente Obama nunha alocución aos congresistas en pleno bloqueo das contas no que constataba que os problemas das persoas, malia que este é un grupo heteroxéneo, son os mesmos.

“A Presidencia da Xunta, o seu Goberno e o Parlamento carecen de sentido se entre todos non atopamos camiños para resolver o urxente ademais do importante. Hoxe hai que ofrecer futuro, o contrario do que fai vostede e o seu goberno”, concluiu.

 

También te puede interesar