Vigo al día

O AVE Vigo-Ourense, bloqueado

O secretario de Estado de Infraestruturas afirmou este xoves que a liña de AVE entre Ourense e Vigo é un proxecto “bloqueado dende o punto de vista ambiental”. Esta foi a resposta de Rafael Catalá á pregunta do senador Fidalgo, do Partido Socialista, sobre as actuacións para os anos 2012 e 2013 na liña ferroviaria de alta velocidade entre Ourense e Vigo, “con indicación das previsións e importes e do momento de tramitación en que se atopa”.

“Atopamos un proxecto bloqueado dende o punto de vista ambiental. Hai que desbloquealo”, afirmou o secretario de Estado, quen engadiu que “hai que facer novo proxecto, sometelo a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e negociar co Ministerio de Medio Ambiente para resolver os problemas”.

Catalá afirmou que “un dos eixes da política ferroviaria” do Ministerio e de Adif ten que ver coa “cohesión e a vertebración territorial” e, polo tanto, tamén facer chegar a alta velocidade a aqueles territorios que aínda non dispoñen dela.

Nesta liña, detallou que no ano 2012, dos 1.455 millóns de euros que o Ministerio de Fomento asignou a Galicia “case 1.000 millóns eran para ferrocarrís” e que dos 2.215 millóns de 2013, 786 millóns foron destinados ao mesmo fin.

 

También te puede interesar