Cultura Vigo al minuto

Seguiremos cargando coa Cruz do Castro

O pleno do Concello rexeitou este luns unha moción do BNG que instaba ao goberno local a demoler a cruz do Castro para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica. A devandita moción foi rexeirada logo da abstención do grupo socialista e o voto en contra do Partido Popular.

A voceira do BNG instou ao goberno local a demoler esa cruz que “non é un monumento relixioso, nin unha homenaxe a todos os caídos, senón un emblema fascista, inaugurado polo ditador Francisco Franco”.  Na moción do BNG tamén se instaba ao Concello a colocar un panel de advertencia próximo aos restos do capitán Carreró, que indique “que foi un criminal fascista”, así como a adherirse ao proceso xudicial que se desenvolve en Arxentina contra os delitos de xenocidio cometidos pola ditadura franquista.

Iolanda Veloso advertiu, tanto a PSOE coma a PP, de que o acordo plenario de xuño de 1981, que aprobaba a colocación dunha placa na cruz – de 12 metros de altura, foi resultado dunha iniciativa da Xefatura Local da Falange Tradicionalista y de las JONS, que foi quen escolleu o seu emprazamento,  aprobada pola Comisión Municipal Permanente do Concello franquista o 12 de agosto de 1959-para que se convertese nun monumento de recoñecemento “a todos os caídos”, non foi máis que unha forma de “reescribir a historia”.  “Tirar a cruz do Castro é unha cuestión de xustiza”, apuntou a voceira nacionalista, que lamentou a existencia de “vestixios da ditadura na cidade, cinco anos despois de que se aprobase a Lei de Memoria Histórica”.

O voceiro socialista, Carlos López Font, defendeu que “os socialistas sempre estiveron preocupados pola memoria histórica”, e repasou as actuacións do goberno local para cumprir a lei, como cambio de nomenclatura en lugares da cidade, ou a retirada de símbolos de fachadas de edificios institucionais e relixiosos. Sen embargo, o segundo tenente de alcalde subliñou que “a fixación pode converter en símbolo o que non o é“, e aludiu ao acordo plenario de 1981. “Hoxe, a cruz do Castro é só iso, unha cruz”.

Por último, o concelleiro popular Roberto Relova, reiterou o apoio total do seu grupo  ao acordo de 1981, adoptado por unanimidade e, en base a ese motivo, os 11 concelleiros do PP votaron en contra.

 

También te puede interesar