Vigo al día

O conselleiro delegado de Povisa, escoltado pola Policía á saida do Xulgado do Social

O conselleiro de delegado de Povisa tivo que saír  escoltado pola Policía do Xulgado do Social de Vigo unha vez rematado o primeiro dos xuízos pola imposición do convenio provincial por parte da empresa. Máis de medio milleiro de traballadores, segundo os sindicatos,  concentráronse ás portas do edificio xudicial durante a sesión e perseguiron até o aparcamento aos responsábeis do centro médico privado.

O xuízo, que quedou visto para sentenza, corresponde á primeira das cinco demandas presentadas polas distintas seccións sindicais de Povisa contra a dirección do centro por terlle imposto o convenio provincial aos traballadores unha vez que expirou o acordo laboral propio.

A sesión, que se prolongou escasamente unha hora ante a ausencia de testemuñas,  evidenciou as diferenzas entre o cadro de persoal e a empresa, que insistiu en que a entrada en vigor do convenio provincial produciuse ao ampara da nova reforma laboral aprobada recentemente.

Pola súa banda as organizacións sindicais con representación no comité  – que accederon á sala conxuntamente a pesar de que decidiron non aglutinar todas as demandas para evitar o adiamento da vista oral –  lembraron que o anterior acordo inclúe unha cláusula que establece unha prórroga para evitar a aplicación do convenio provincial que suporía unha rebaixa salarial do 40%.

Ao remate do xuízo, e xa cando os representantes de Povisa abandonaban o edificio xudicial, un grupo de persoas perseguiu o conselleiro delegado da empresa e fillo do propietario, José Bernardo Silveira, até o aparcamento onde deixara o seu vehículo. A saída do directivo só foi posíbel grazas ao cordón policial no que participaron varios axentes. Aínda que se viviron momentos de tensión non se produciron incidentes. Os afectados despediron os policías ao berro de “Estes son os piquetes do patrón”.

 

También te puede interesar