Vigo al minuto

@s empregad@s de Povisa desminten á dirección do hospital e subliñan que xa houbo unha baixada salarial do 40%

O comité do centro médico privado Povisa de Vigo desmentiu a información facilitada aos medios de comunicación pola empresa na que asegura que non haberá unha baixada salarial do 40% e que só os traballadores que se incorporen a partir de agora verán recortadas as súas nóminas. Os representantes sindicais lembran que os empregados do hospital vigués xa recibiron as cartas nas que lles comunica a inmediata aplicación do convenio provincial.

A representantes da CIG no comité, María Xesús Neira, criticou que con esta actitude a compañía pretende desmobilizar o persoal que cada día decide sumarse ao paro indefinido iniciado o pasado luns para rexeitar a intención de Povisa de precarizar aínda máis as condicións laborais no novo convenio colectivo. “Queren facernos crer que os recortes salariais só van afectar ás novas incorporacións, cando todo o mundo sabe que xa recibimos as cartas nas que se nos informa de que se comeza a aplicar o convenio provincial, que supón un 40% menos de salario”, indica.

En canto ao seguimento da folga,  Neira comentou que está a ser de novo dun 80%, moi por enriba das cifras que ofrece a dirección, e valorou moi positivamente o notábel incremento dos empregados que decidiron sumarse ás labores de piquete informativo e ás concentracións e asembleas que se desenvolven a diario diante do edificio principal de Povisa.

Na asemblea informativa de os representantes sindicais agradeceron o compromiso do cadro de persoal do centro médico e lembraron que a mobilización en defensa dunhas condicións laborais dignas está a ser un éxito “a pesar da esquirolaxe interna xa que a empresa está a mover empregados en servizos mínimos a outras unidades a pesar da advertencia da Inspección de Traballo”.

Ao mesmo tempo, lembraron que o vindeiro martes 27 de agosto terá lugar o primeiro dos xuízos contra Povisa pola imposición do convenio provincial. Os traballadores están convocados ás 9 da mañá diante do centro médico para a continuación desprazarse até o Xulgado do Social número 5 de Vigo, onde está previsto que comece a sesión a partir das 11 menos cuarto.

 

También te puede interesar