No que vai de verán, 1.300 incendios arrasaron unhas 2.200 hectáreas en Galicia

Un total de 1.300 incendios arrasaron en Galicia unhas 2.200 hectáreas no que vai de ano, aínda que, segundo manifestou a conselleira de Medio Rural e do Mar, destes 1.300 lumes quedaron en conatos 1.032.

Este feito, explicou Rosa Quintana en declaracións aos medios, débese aos “avisos rápidos e a que se traballa con eficacia e eficiencia” xa que, subliñou, “disponse dunha grande cantidade de medios”.

Con respecto a estes últimos catro días, a titular de Medio Rural subliñou que se produciron 150 incendios, os cales arrasaron unhas 700 hectáreas. Destes, segundo indicou Quintana, só oito superaron as 20 hectáreas.

Con respecto ao lume no concello de Vilamarín, Medio Rural asegura que , dos tres incendios deste domingo, este luns se produciu “outro con tres focos diferentes”.  Aínda que este incendio é o de “máis superficie“, a consellería indica que “está todo perimetrado” e se “está a refrescar con auga para evitar reproducións”. Así mesmo, sinalou que “non ten lapa” e que “xa dende esta noite está estabilizado”.

Sobre a suposta descoordinación que apuntaron os sindicatos nas tarefas de extinción de incendios, Quintana acentuou que “falar de descoordinación” despois dos datos expostos “é un pouco discrepar da realidade”.

A este respecto, a conselleira de Medio Rural puxo como exemplo os 20 focos que se produciron no Barco de Valdeorras en menos dun quilómetro na noite do domingo.Se non houbese moita coordinación, hoxe estariamos, ao mellor, nunha situación similar á do ano pasado no Barco”, engadiu.

Polo tanto, Quintana subliñou a “clara intencionalidade” destes focos, ademais de informar sobre a detención dunha persoa que “en próximas horas pasará a disposición xudicial”.

 

También te puede interesar