Galicia

Controlado o incendio de Nogueira de Ramuín que arrasou 75 hectáreas

A Consellería do Medio Rural ven de informar que está controlado o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, na parroquia de Santo Estevo de Ribas de Sil.

O lume iniciouse ás 6 e media da tarde de este mércores  e produciuse na superficie da ladeira oposta aos Canóns do Sil, “polo que non afectou a este espazo protexido”. Segundo as primeiras estimacións provisionais, “que se confirmarán tralo parametrizado”, a superficie afectada é de arredor de 75 hectáreas, das cales 50 corresponden a superficie arborada e 25 a rasa.

Nos traballos de extinción deste incendio participan 6 axentes forestais, 19 brigadas, 6 motobombas, 2 palas, 7 helicópteros e 6 avións.

A consellería indica que neste mesmo concello rexistráronse outros 3 lumes, todos eles na parroquia da Carballeira. Un estaba, á hora de redactar esta información, aínda  activo e rexistrouse ás 9 e media da mañá; os outros dous, son un conato, que está controlado, iniciouse ás 03:30 horas da madrugada e quedou controlado ás 05:00. O outro está extinguido, empezou ás 3 da madrugada e quedou apagado pasadas as 9, afectando a unha superficie aproximada de 2,4 hectáreas.

A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Tamén a conta de twitter @incendios085 dedicada exclusivamente a ir actualizando a información sobre incendios.

 

También te puede interesar