Vigo al minuto

@s traballador@s de Povisa levan a súa mobilización á praia de Samil

O persoal do hospital privado vigués Povisa continúa coa axenda mobilizadora previa á folga indefinida que teñen convocada para o vindeiro 19 de agosto. As protestas, que pretenden implicar o maior número de persoas, tiveron lugar desta volta nos areais de Vigo nunha acción que denominaron “abrazo a Samil”.

Para o comité de empresa “é fundamental informar á cidadanía do noso conflito”, explicou María Xesús Neira, portavoz do organismo e delegada da CIG. Por iso, á grande colada de cartaces xa efectuada polas rúas da cidade e á manifestación do pasado luns nos arredores do hospital sumouse a camiñada pola praia de Samil deste mércores. Alí, entre as miradas curiosas das e dos bañistas e numerosos aplausos, un nutrido grupo de empregadas do hospital paseou polo litoral portando cartaces alusivos á súa loita e baixo cánticos reivindicativos.

A convocatoria de folga chega despois de racharen as negociacións para o novo convenio entre os sindicatos e a patronal do centro, “que pretendía impor grandes regresións salariais e en dereitos consolidados”. Por mor da reforma laboral, e unha vez expirado o acordo, segundo os sindicatos, a dirección impuxo unilateralmente o convenio provincial, que supón entre o 40 e o 52% de mermas salariais, así como a supresión da maior parte de cláusulas propias que contiña o acordo de empresa, coa conseguinte involución en todos os sentidos.

 

También te puede interesar