Galicia

Afectados polas Preferentes aseguran que só recuperouse na arbitraxe “o 27% do estafado”

A Plataforma de Afectados polas Preferentes de Compostela cifrou en “tan só o 27% do estafado” o diñeiro que os titulares de produtos híbridos de Novagalia Banco recuperarán pola vía da arbitraxe, que finalizará estes días.

Nun comunicado, a Plataforma criticou as cifras dadas pola entidade sobre o proceso de arbitraxe e destacou quequedan sen recuperar 500 millóns duns 40.000 clientes, entre eles os 20.000 que non foron chamados á arbitraxe”.

Os afectados consideran que a información dada por NCG Banco é “enganosa e propagandística” e que os datos “pretenden enmascarar a realidade, que é que a maioría dos estafados perderon grande parte dos seus aforros polas quitas e trocos”.

A información comunicada polo banco, insiste, é “a última fase dunha folla de ruta trazada polo Goberno español, a través do FROB e dirixida a que os cidadáns estafados por NCG e despois espoliados polo Executivo pola imposición das quitas, contribúan en boa medida ao rescate das entidades financeiras que os estafaron”.

O obxectivo, denuncia, é “impedir que a totalidade dos aforradores recuperen o 100% dos seus aforros. Os datos facilitados por NCG Banco son enganosos porque sempre se refiren ao número de clientes que se atopan en distintas situacións trala estafa”, pero “en ningún caso fan referencia a cantidades económicas”, o que a plataforma cualifica de “burda manipulación”.

Así, critica que “en ningún momento se di que Novagalicia estafou 1.831 millóns de euros a 78.000 aforradores”; que “coa loita das plataformas” se recuperaron 496,2 millóns pola vía da arbitraxe, “tan só o 27% do estafado, mentres que NCG destaca que se trata do 50% dos casos”.

No proceso de liquidez, que foi ofertado mediante o Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) recuperáronse 800 millóns de euros, que son o 44% do total, pero “non foron achegados por Novagalicia Banco, senón polo citado organismo”. Así as cousas, agrega a plataforma, “a metade dos afectados vanse ver obrigados a acudir á vía xudicial se queren recuperar o 100% das cantidades estafadas”.

A plataforma conclúe cunha crítica ao Goberno estatal, ao que atribúe “todo un exercicio de cinismo” por non emprender accións contra “os responsables da estafa masiva” e por non iniciar “unha investigación para identificalos”, malia ser o accionista maioritario da entidade e a que NCG “admite explicitamente que no 50% das comercializacións houbo mala praxe bancaria”, dado que son os casos para os que se acepta a arbitraxe.

 

También te puede interesar