RGPD - Cookies
Galicia

Fin de semana sen mortos nas estradas galegas

O 061 asistiu durante a fin de semana un total de 64 persoas debido a 46 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 15:00 horas do venres, 2 de agosto, ata as 23:59 horas do domingo, 4 de agosto. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o domingo con 22 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, recibiu nestes días 53 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 46 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 64 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 61 e do 39%, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 31% dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 20 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 61. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a tres sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 51 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres ocasións. As ambulancias convencionais asistiron en catro ocasións.

En 55 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, seis foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e tres se atenderon nun centro de atención primaria.

 

También te puede interesar