A Deputación concederá bolsas a 400 titulados universitarios e de FP para facer prácticas en empresas

A Deputación Provincial de Pontevedra vén de aprobar o II Plan de Práctica Laboral que concederá bolsas a 400 titulados universitarios e de ciclos superiores de FP para que poidan realizar prácticas en empresas privadas.

Os beneficiarios deste Plan serán titulados sen experiencia laboral previa e menores de 35 anos, aos que se lle vai ofrecer a oportunidade de desenvolver labores relacionadas coa profesión na que se formaron en diversas empresas da provincia.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno, onde salientou que é unha medida coa que a Administración Provincial quere contribuír, como xa vén facendo á redución do desemprego, principal preocupación cidadá nestes momentos.

Nesta liña, tras valorar os datos do paro rexistrado coñecidos hoxe, incidiu na necesaria colaboración entre sector público e privado para que “o cambio de tendencia que xa se percibe se consolide e comece a xerarse emprego e riqueza”.

Louzán salientou o éxito do primeiro Plan de Práctica Laboral, dando fe da satisfacción tanto de bolseiros como de concellos, e asegurou que isto animou á Administración provincial a poñer en marcha esta nova fase, na que serán as empresas privadas as que reciban aos bolseiros.

Procedemento

A materialización deste Plan farase en dúas fases, na primeira delas abrirase un prazo para que as empresas interesadas, que terán que ter a súa sede social na provincia de Pontevedra, se sumen ao proxecto.

Este prazo será de 20 días hábiles contados a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia (a vindeira semana). Poderán presentarse empresas de calquera natureza xurídica e de calquera sector, sempre e cando cumpran cuns requisitos como son os de non ter contrato de servizos coa Deputación, que a súa actividade estea relacionada co perfil das titulacións demandadas ou non ter realizado despedidos improcedentes, entre outros.

Á hora de seleccionalas, puntuarase cun máximo de cinco puntos o proxecto de práctica laboral e con ata 4 puntos o deseño de itinerarios alternativos de inserción, que dean opción ao bolseiro a ter continuidade na empresa.

A cooperación entre a Deputación Provincial e as empresas da provincia que resulten beneficiarias materializarase a través dun convenio no que se establezan os dereitos, obrigas e compromisos de cada unha das partes.

Determinación do perfil

Esta primeira fase permitiralle á Deputación determinar a demanda de bolseiros existente para, en base a ela, abrir a fase de selección de titulados.

Unha vez decididas as titulacións e prazas que se convocan, farase a convocatoria pública e procederase á selección e contratación dos traballadores.

720 operarios

A maiores, a Xunta de Goberno aprobou tamén a contratación de 720 novos traballadores para os concellos da provincia, no marco do Plan de Emprego que xa ten nestes momentos a outros 720 empregados prestando servizos de interese colectivo nos municipios.

Neste caso, trátase de prazas orientadas a desempregados sen prestación e non de titulados. Os novos contratados substituirán aos contratados na primeira fase deste plan, e que rematan os seus contratos en torno a finais de setembro.

Con estas dúas novas iniciativas, son preto de 3.000 as persoas que a Deputación provincial de Pontevedra contratará ao longo de 2013, cun investimento de preto de 20 millóns de euros.

 

También te puede interesar