Vigo al minuto

Traballador@s de Povisa entregan na Xunta a convocatoria de folga dende o día 19 de agosto

Traballadoras e representantes do comité de empresa de Povisa desprazáronse desde o Concello, onde se concentraron ás 11 da mañá, até o predio administrativo da Xunta, onde fixeron entrega no rexistro da convocatoria de folga indefinida para o 19 de agosto.

A concentración diante do edificio administrativo tivo lugar en silencio, e as pancartas locían crespóns negros en sinal de respeito polo accidente ferroviario en Compostela. Esta acción ten lugar despois da ruptura de negociacións coa empresa o pasado 23 de xullo, que pretende impor o convenio provincial mentres non se acade un novo acordo, o cal supón unha merma salarial e das condicións de traballo “inasumíbeis” para os e as traballadores.

Segundo os traballadores,  o acordo sobre o convenio colectivo de Povisa non puido lograrse porque “existen grandes diferenzas entre a dirección e o comité de empresa en aspectos como as retribucións, a mobilidade funcional, a aplicación de xornadas flexibles e as irregularidades dos horarios”.

Ademais, lembran que, dende o pasado mércores, aplícase o convenio provincial do sector, o cal, segundo os seus cálculos, supón unha “perda de poder salarial gravísima”. Nese sentido, sinalan que un médico ou farmacéutico perde uns 478 € de salario ao mes e un celador, auxiliar de enfermaría ou administrativo unha media de 500 € mensuais.

 

También te puede interesar