Sucesos

111 feridos e un morto nas estradas galegas na ponte de Santiago

O 061 asistiu durante a ponte da festividade de Santiago un total de 111 persoas debido a 79 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do mércores, día 24, e as 12 da noite deste luns. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o sábado con 21 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, recibiu nestes días 101 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 79 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 111 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 61 e do 39% e nas idades dos feridos, obsérvase cun 34%dos atendidos tiña entre os 20 e os 29 anos.

Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 34 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 106. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a oito sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 90 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete ocasións. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.

En 94 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 11 foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e 5 se atenderon nun centro de atención primaria e unha persoa faleceu no punto.

 

También te puede interesar