Deportes

O presidente da Deputación e o responsable da Volta a España visitan a batea da que sairá a proba

O director de Unipublic, organizadora da Volta e o presidente da Deputación, na batea

Vilanova de Arousa prepárase para a que será “a saída máis espectacular” da historia da Volta a España, tal e como afirmou este mércores  o director de Unipublic durante a visita realizada á batea desde a que os ciclistas iniciarán esta proba ciclista.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o director de Unipublic, Javier Guillén, acompañados pola deputada provincial Begoña  Estévez, e o presidente do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, achegáronse esta mañá en varias embarcacións ata o polígono de bateas de Vilanova de Arousa, para ver esta estrutura antes de que sexa trasladada ata o lugar desde o que sairá a Volta Ciclista, a 40 metros da rampla de acceso ao peirao de Vilanova de Arousa.

Rafael Louzán subliñou que se trata de “visibilizar” cal vai ser a plataforma de saída da primeira etapa da Volta, “que vai ser unha batea real, co seu número de licenza e coas súas cordas de mexillón. Non vai ser unha réplica de ningunha batea, senón unha estrutura real que nestes momentos está a pleno rendemento na ría de Arousa coas súas 500 cordas de mexillón producindo”.

Para o evento, a batea adaptarase para que sirva de plataforma de competición, pero de forma que se poida percibir claramente a súa estrutura e respectando a súa función –mantendo as cordas-, xa que un dos obxectivos é, segundo salientaron Rafael Louzán  e Javier Guillén, dar a coñecer ao mundo enteiro a “singularidade das bateas das rías galegas e promocionar os produtos galegos”.

Louzán destacou a “orixinalidade” da saída e asegurou que mentres se prepara “acórdome do Tour, cunha primeira etapa tormentosa por problemas de loxística”. Aínda así, amosouse convencido de que, malia á complexidade que presenta a preparación desta peculiar saída, “non haberá problema”. Neste sentido, Javier Guillén recalcou que se traballa para garantir que a seguridade sexa a máxima.

A batea que servirá de base é unha das 2.292 que hai na Ría de Arousa, concretamente no polígono de Vilanova, que será cedida para este uso no marco do acordo co Consello Regulador do Mexillón.

180 Paises

Javier Guillén asegurou que se trata dunha “aposta importante, que precisa do concurso de todos”, porque “vai ser, sen dúbida, a saída máis espectacular que se teña feito nas 68 edicións da Volta a España”. Así incidiu en que se teñen feito moitas saídas novidosas, “de noite, desde praias, desde o San Fermín… que nos convidaban a pensar que era difícil atopar algo mellor, pero atopouse”, despois de que na anterior edición se comprobase que a produción de mexillón galego en bateas aínda é descoñecida en moitas partes do país.

Neste sentido, Guillén fixo fincapé “no efecto promocional da Volta Ciclista a España, xa que durante as 2 horas de retransmisión televisiva toda España e 180 países de todo o mundo van poder ver” a saída desde o ría con máis bateas de Galicia, que é a de Arousa, onde se concentra o 70% do total da provincia.

Neste sentido, Rafael Louzán fixo un chamamento a todos os concellos a implicarse neste acto e á sociedade da provincia a, un ano máis, demostrarlle ao mundo que “Galicia é unha terra que ama o deporte”, saíndo á rúa para ver o paso da serpe multicolor e engalanando os concellos para “que as imaxes que lle ofrezamos ao mundo sexan as que Galicia quere dar”.

10 € por cada euro invertido

Tanto Louzán como a directora xeral de Turismo da Xunta subliñaron que este é un “momento idóneo” para traer a Galicia un evento destas características, xa que se agarda unha notable repercusión no ámbito turístico e tamén en materia de dinamización económica.

Así, Louzán asegurou que se agarda que, como mínimo, cada euro investido polas administracións reverta en 10 € de xeración de riqueza en diversos sectores. Un efecto que, ademais, se agarda poder manter a longo prazo polo papel de promoción da Volta.

 

También te puede interesar