Ciencia y Tecnología

Centro Demostrador TIC, dous anos como balcón tecnolóxico de Galicia

O Centro Demostrador TIC cumpre dous anos de actividade facilitando ás empresas tecnolóxicas galegas os medios para achegar a súa oferta de produtos ao  resto dos sectores produtivos. Dende a súa creación o CDTIC acolleu un total de 57 actividades nas que participaron 778 empresas.

Este escaparate tecnolóxico está na senda de cumprir o triplo obxectivo que se marcou na súa posta en marcha. Por un lado, promover o uso das TIC entre as empresas galegas, e foron preto de 1400 os profesionais que acudiron as demostracións do CDTIC, dos que máis  90% afirmaron acceder a produtos, servizos e provedores tecnolóxicos que non coñecían ata o seu paso polo Centro. Ademais, das preto de 800 empresas que empregaron o Centro, o 62% pertencen a sectores non TIC como o educativo, o da investigación o as actividades sanitarias, o sector téxtil e de confección e a automoción, entre outros.

Outro dos obxectivos marcados era contribuír a xerar negocio TIC local, e o 30% das empresas tecnolóxicas que teñen realizado unha presentación no CDTIC pecharon polo menos 1 contrato, e o 41% recibiron peticións de orzamentos.

O terceiro obxectivo era achegar a oferta tecnolóxica ás necesidades de innovación dos sectores estratéxicos. Como primeiro paso neste complexo proceso, o CDTIC está a traballar na identificación da oferta tecnolóxica de Galicia a través do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal (https://cdtic.xunta.es/mapatic/), que se está a consolidar como o directorio de provedores e solucións TIC Galegas, e que na actualidade conta con preto de 220 provedores e máis de 530 solucións TIC.

Novidades do ano 2013

Unha das novidades máis importantes introducidas no ano 2013 xurdiu grazas a colaboración entre o CDTIC e a Rede CeMIT, ofertando a posibilidade de seguimento a través de videoconferencia das actividades levadas a cabo polo CDTIC para facilitar a participación de autónomos e micropemes de toda Galicia. Ademais habilitouse a posibilidade de seguir e interactuar cos relatores e participantes nas actividades do CDTIC mediante o uso das redes sociais.

No que respecta ás actividades neste ano 2013 puxéronse en marcha as Semanas TIC Sectoriais, enmarcadas dentro das accións encamiñadas á sensibilización sobre a aplicación TIC aos procesos produtivos da empresas a través dunha estratexia común e grazas ao esforzo común e coordinado de diferentes axentes estratéxicos: administración pública e as asociacións empresarias dos sectores implicados.

O téxtil foi o sector protagonista da I Semana TIC no CDTIC celebrada no mes de marzo que reuniu a máis de 131 profesionais de ambos os dous sectores. Durante esta semana presentouse o Catálogo ModaTIC.gal (http://ficheiros-web.xunta.es/cdtic/documentos/ModaTICgal.pdf), unha mostra representativa de 40 empresas e 5 axentes de innovación no ámbito TIC existentes en Galicia, así como, un conxunto de máis de 70 produtos e servizos tecnolóxicos específicos para o sector téxtil.

Durante o mes de abril preto de 130 persoas asistiron ao “Taller de Emprendemento TIC para o inicio de Actividades” organizado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia (CPETIG). O obxectivo deste obradoiro era formar a aqueles profesionais que desexen iniciar actividades por conta propia, e para todos eles desenvolveuse unha guía de apoio ao inicio de actividades (http://www.cpetig.org/documentos/EMPRENDEMENTO%20TIC_GUIA%20PARA%20O%20INICIO%20DA%20ACTIVIDADE.pdf).

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O CDTIC, situado no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo en Santiago, constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

 

También te puede interesar