Aberto o prazo para os obradoiros ‘Activa 2013’

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado abriu o prazo para que os concellos galegos poidan inscribirse para participar nos obradoiros xuvenís ‘Activa 2013’. Os interesados poderán facelo no portal web http://xuventude.xunta.es ata o 26 de xullo.

Estes obradoiros teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega. Serán os concellos os que oferten directamente as actividades aos mozos e mozas, co obxectivo de facilitar a participación de todas aquelas persoas interesadas. Ademais, os concellos tamén poderán pedir a incorporación de novas temáticas de especial interese para as características dos mozos e mozas do seu municipio.

O programa Activa está especialmente destinado aos menores de 30 anos, a profesionais e concelleiros que traballan coa xuventude e a integrantes de asociacións e grupos informais. Son impartidos polos técnicos do proxecto de dinamización xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

As temáticas están asociadas a oito temas, distribuídos cada un deles en obradoiros de dúas horas e de carácter presencial: oratoria motivacional ou coaching; entrevistas de traballo e elaboración de currículos; programas, recursos e axudas da UE en materia de xuventude; voluntariado xuvenil, creación e mantemento dunha asociación xuvenil; discurso público e oratoria; xestión e execución de proxectos de participación xuvenil e programas e axudas públicas para mozos e mozas.

A diversidade destas accións formativas responde ás solicitudes formuladas polos distintos axentes que participaron no programa en edicións anteriores, así como da análise das necesidades formativas da mocidade galega no ámbito da educación non formal non cubertas por outras actividades e programas impulsados polas distintas administracións.

A formación no ámbito da educación non formal constitúe un valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no eido curricular, tal e como testemuñan os estudos realizados polos técnicos de xuventude da Comisión Europea.

 

También te puede interesar