Galicia

A Xunta esixe a Novagalicia Banco que reabra as arbitraxes

A directora xeral de Comercio afirmou que a Xunta se puxo en contacto con Novagalicia Banco para “esixirlle que reabra a arbitraxe” para os Afectados polas Participacións Preferentes, ao tempo que lle instou a adoptar as medidas oportunas para que as persoas que decidan cambiar as accións por liquidez poidan recorrer á vía xudicial para recuperar todos os seus aforros.

Na súa comparecencia na comisión de investigación das caixas, a última da xornada antes de que este venres o fagan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os máximos directivos de Novagalicia Banco con José María Castellano á cabeza, Sol Vázquez explicou que “algo bo debe ter a arbitraxe unha medida na que Galicia foi pioneira, para que todos reclamen a reapertura. E están todos de acordo en que se debe reabrir”, remarcou.

Neste sentido, e tras recordar que esta medida require que as dúas partes estean de acordo, non unicamente o afectado, asegurou que o Goberno galego “non vai cesar no empeño ata conseguir que o cen por cento dos afectados recupere os seus aforros”. Os grupos da oposición, que recolleron as queixas dos preferentistas, tamén solicitaron á Xunta que promova unha decisión “política” para que se reabra o proceso de laudos, despois de que Novagalicia pechase o prazo de presentación de solicitudes o 17 de xuño.

 

También te puede interesar