Galicia

A Xunta non desbota accións legais contra Almunia se non rectifica na súa decisión sobre o tax-lease

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (UE) subliñou este luns na necesidade de que o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, “reconduca a súa proposta sobre a devolución de axudas do ‘tax lease’” e adiantou que, se isto non é así o Goberno galego “se reserva a posibilidade de emprender accións dende o punto de vista xurídico e político”.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Jesús Gamallo sinalou que hai a posibilidade de acudir ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE), se ben, preguntado por se a Xunta estaría disposta a levar ante este ao comisario Almunia, matizou que “hai que esperar a que se pronuncie o colexio de comisarios e analizar a situación”.

“Non podo contestar de forma clara, non coñecemos aínda a decisión do colexio de comisarios nin a fundamentación da proposta; cando coñezamos estas medidas tomaremos as decisións que consideremos oportunas. Hai un ámbito xurídico e un ámbito político que analizar. Avaliaremos os dous”, manifestou Gamallo.

En calquera caso, advertiu de que o comisario europeo da Competencia non pode afirmar que “fai devolver as axudas porque o marcha o dereito europeo”. Ao respecto, esgrimiu que este é “interpretable” e está “para axudar aos europeos, non para desmantelar un sector e aumentar o paro en España”.

Gamallo tamén criticou que Almunia afirmase que os estaleiros non terán que devolver as axudas, senón os armadores, as navieiras e os investidores, “iso non o cre ninguén; non haberá carga de traballo e quen van a pagar son os estaleiros”.

 

También te puede interesar