RGPD - Cookies
Galicia

Manifestación en defensa do Naval, este xoves en Vigo

CIG, Comisiones Obreras e Unión General de Trabajadores convocan unha manifestación en defensa do naval este xoves 27 de xuño en Vigo para reclamarlle á Unión Europea unha resolución que non obrigue a devolver as axudas concedidas ao abeiro do tax lease. A marcha partirá de Vía Norte ás 20.30 horas e rematará diante do edificio da Xunta.

O secretario nacional do Naval da CIG, César Rodríguez, salientou a necesidade de que a veciñanza da comarca “se sume ao berro unánime en defensa dunha industra da que depende en boa medida o seu futuro”.

Neste senso, indicou que cada día que pasa é un paso atrás na recuperación dun sector fundamental para a comarca e esixiu das Administracións públicas “que se poñan á fronte na súa defensa” xa que a solución da grave crise que padece pasa por unha solución política.

Tamén considera imprescindíbel que a sociedade viguesa dea unha resposta contundente a esta situación e rexeite na rúa “campañas propagandísticas como as de Pemex”. Nesta liña, lembrou que en épocas menos duras se convocaron tres folgas “non entendemos por que a estas alturas aínda non se convocou ningunha”.

As tres centrais botan de menos unha fronte común en defensa do sector que inclúa a traballadores, sindicatos, patronal e Administracións públicas que debe de estar liderada polo Goberno español “para reclamar en Bruxelas o mesmo trato que se lle dá a países como Francia”.

Incidiron en que “nos atopamos na prórroga” para a resolución da retroactividade do tax lease e amosaron a súa preocupación pola filtración do borrador que adianta que haberá que devolver boa parte das axudas concedidas ao amparo deste sistema de bonificación fiscal. Segundo as informacións de que dispoñen, a decisión final coñeceresa en “10-15 días” e adiantaron que en breve convocarán novas mobilizacións “máis contundentes”.

 

También te puede interesar