RGPD - Cookies
Comarcas

Acordo entre as Rías Baixas e o Algarve para dinamizar o turismo nos dous destinos

Rías Baixas e Algarve, dous dos principais destinos turísticos de Galicia e Portugal, traballarán coordinados para sacarlle o máximo proveito ás accións de promoción turística dos dous destinos, incrementar as posibilidades de proxección internacional e ter unha maior capacidade de captación de fondos para dinamizar un dos sectores produtivos con máis peso produtivo tanto na provincia de Pontevedra como na rexión lusa.

O presidente da Deputación de Pontevedra e o presidente de Turismo do Algarve, Desiderio Jorge da Silva, asinaron hoxe un convenio de colaboración co que pretenden reforzar a colaboración institucional entre as dúas partes, orientándoa neste caso á posta en marcha de medidas conxuntas de promoción turística e de apoio ao tecido empresarial vinculado a este sector.

O obxectivo é aproveitar a complementariedade de ambos os dous destinos para realizar unha promoción cruzada das dúas rexións, de forma que o Algarve poida captar turistas en Pontevedra e as Rías Baixas se promocione non só entre os habitantes da rexión lusa senón, sobre todo, entre os 7 millóns de turistas que cada ano visitan esta área de Portugal.

Rafael Louzán salientou as excelentes relacións entre Pontevedra e o Algarve e incidiu na oportunidade que supón para as dúas rexións colaborar en algo “no que temos moito que ver”, como é o peso do sector turístico.

Trátase, asegurou, de “reforzar o labor” de dinamización turística das Rías Baixas e do Algarve por medio dun acordo que terá unha vixencia inicial de dous anos e que inclúe, entre outras accións, medidas orientadas á posta en valor conxunta do patrimonio natural, histórico e cultural de ambos destinos; proxectos de apoio loxístico mutuo e de intercambios promocionais e de busca de financiamento para a realización de actividades coordinadas recabando, por exemplo, fondos europeos destinados á cooperación transfronteiriza.

Espírito Rías Baixas

No acto de sinatura deste acordo procedeuse tamén á presentación da versión de verán do vídeo promocional Espírito Rías Baixas, co que se pretende, segundo indicou a deputada provincial Begoña Estévez, espertar entre os que o vexan “as gañas de vir a mergullarse nas Rías Baixas”.

O vídeo forma parte dunha campaña promocional que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de aproveitar o tirón da Volta a España para atraer visitantes á provincia, poñendo en valor a diversidade da oferta e a súa excelencia e calidade.

Estes son, precisamente, dous dos conceptos nos que tamén se incide no acordo entre Algarve e Turismo Rías Baixas, dado que, tal e como subliñou o presidente de Turismo do Algarve, o turista actual é un “turista esixente” que busca ante todo unha boa atención e unha oferta variada e de calidade.

 

También te puede interesar