RGPD - Cookies
Galicia

Galicia presenta o peor saldo demográfico do Estado con 10.000 mortes máis que nacementos

A crise demográfica empeora en Galicia. O país rexistrou no pasado ano un nova redución do 2,2 % situándose como a comunidade con peor saldo vexetativo en 2012 ao computar un total de 10.048 defuncións máis que nacementos.

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) difundidos este martes, Galicia computou en 2012 un total de 21.113 nacementos fronte a 31.161 defuncións. Así mesmo, constátase un descenso progresivo dos nacementos dende 2010, aínda que hai un repunte con respecto aos 19.418 rexistrados no ano 2000 ou os 21.097 de 2005. En canto ás mortes, hai un aumento constante e o dato de 2010 foi de 29.749.

Galicia non só mantén, senón que agudiza o seu saldo vexetativo negativo. Xunto a ela, noutras cinco comunidades morreron máis persoas que as que naceron: Castilla e León ( -9.417), Asturias ( -5.643), Extremadura ( -1.780), Aragón ( -1.778) e Cantabria ( -796).

No conxunto do Estado, o número de nacementos, que alcanzou o máximo dos últimos 30 anos en 2008 (naceron 519.779), non parou de reducirse dende entón e a medida que ía avanzando a crise económica, ata acumular unha caída do 12,8% nos últimos catro anos, segundo a estatística de Movemento Natural de Poboación.

 

También te puede interesar