RGPD - Cookies
Vigo al día

Folga indefinida na cafetería do Meixoeiro dende este luns

A Confederación Intersindical  Galega (CIG-Servizos) de Vigo, anunciou este venres que convoca unha folga indefinida na cafetería do hospital Meixoeiro a partir do vindeiro luns, día 17, tras o despedimento do delegado de persoal por parte da empresa concesionaria, Oh! Vigo. Dende a central nacionalista rexeitan que a decisión se deba, como argumenta o propietario, ao “mal comportamento” do empregado e sosteñen que se trata dunha represalia pola súa actitude reivindicativa, “en especial durante a folga que tivo lugar o pasado mes de novembro”.

Representantes da central subliñan que “grazas ao paro que se prolongou durante 31 días en novembro de 2012”, os empregados da cafetería lograron, a través dun laudo arbitral da Inspección de Traballo, que o dono da empresa atendese as súas demandas.

“O que non sabiamos é que a partir dese día a empresa nos ía pasar factura represaliándonos a todos, acosándonos, e non cumprindo os acordos asinados”, denuncian os traballadores.

A situación agravase cando despiden o delegado de persoal, con máis de 15 anos de experiencia no centro e con tres fillos ao seu cargo, argumentando un “suposto” mal comportamento. “Todos e todas sabemos que iso non é certo; a empresa sabe que esta persoa é quen máis reivindica e por iso toma esta medida”, rematan.

 

También te puede interesar