Comarcas

Deputación e Consumidores de Galicia abren o martes oficinas de asesoramento a Afectados polas Preferentes

Deputación e Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) impulsan a creación dunha ampla rede de asistencia xurídica a afectados pola comercialización irregular de preferentes e subordinadas, á que a Administración Provincial destina 34.584 €.

Rafael Louzán, e o secretario xeral de UCGAL, Miguel López Crespo, asinaron este venres un convenio para a posta en marcha, de forma inmediata, de oficinas de asesoramento en diversos concellos da provincia, co obxectivo de orientar aos afectados á hora de reclamar a devolución do seu diñeiro pola vía xudicial e de orientalos e asesoralos nun “momento crucial” como é o actual, cando teñen que facer fronte ao troco e ás quitas.

As oficinas instalaranse na casa do concello de Tui, Ponteareas, Redondela, Cangas, Cambados, A Estrada e Lalín e nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra.

As persoas que acudan a estes puntos de asesoramento, que comezarán a funcionar o vindeiro martes e permanecerán abertas durante un mínimo de dous meses, serán atendidas por persoal licenciado en dereito e perfectamente coñecedores da problemática da comercialización de produtos híbridos.

As oficinas estarán abertas ao público de luns a venres de 10 da mañá a 2 da tarde e, nelas, os expertos non só orientarán e informarán aos interesados sobre as posibilidades de acudir á vía xudicial, os pasos que deben dar, a forma de facelo, se teñen ou non dereito a xustiza gratuíta, senón que ofrecerá atención individualizada para que os afectados que decidan acudir á vía xudicial teñan todas as facilidades e a información adaptada ao seu caso concreto.

Trátase de que, ante unha eventual finalización das arbitraxes, aqueles que opten pola vía xudicial o fagan con todos os elementos de xuízo necesarios. Desta forma, os avogados que atenderán as oficinas de asesoramento analizarán as circunstancias de cada afectado; a súa relación coa entidade; a dinámica da contratación; os prazos fixos a posible vulneración de normas de protección ao cliente; se pode darse nulidade ou anulabilidade dos contratos; e, en definitiva, cantas circunstancias poidan analizarse nun procedemento xudicial.

 

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.