Vigo al minuto

A CIG chama a manifestarse este mércores en Vigo contra as políticas que crean “fame e miseria”

O secretario comarcal da Confederación ntersindical Galega (CIG) de Vigo compareceu este luns en rolda de prensa xunto ao secretario nacional do Naval, César Rodríguez, e os responsábeis comarcais das federacións de Construción, Servizos e Químicas, para ofecer os detalles da mobilización que percorrerá as rúas da cidade este mércores 12 (8 da tarde, Vía Norte) baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha insdustria con futuro”.

Serafín Otero comezou a súa intervención facendo un repaso polas principais cifras que amosan a grave situación económica e de desemprego que padece a comarca viguesa. Neste senso, lembrou que nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade, aínda que insistiu en que “os datos superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas”.

En canto ao número de afiliacións á Seguridade Social, o secretario comarcal da CIG de Vigo indicou que descendeu en 30.000 persoas dende 2008, cun ritmo de destrución neta de emprego de 5.000 postos de traballo anuais. “Isto fai que a taxa de risco de pobreza sexa cada vez maior na nosa bisbarra, superando xa o 16%, cinco puntos máis que ao inicio da crise”. Ao mesmo tempo, máis do 50% dos fogares chegan con dificultades a final de mes e máis do 12% con moitas dificultades.

Dende a central nacionalista culpan desta situación ás políticas que está a promover a troika  – FMI, Banco Central e Comisión Europea – a nivel europeo “e que están a seren asumidas e executadas polos gobernos do PP en Madrid e Galicia”. Segundo denuncian, delas deriva en boa medida o desartellamento produtivo que padece a comarca, “estimándose xa nun 60% o número de empresas e factorías do sector industrial desaparecidas nos últimos cinco anos”.

Nesta liña, lembrou que a CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas. Por todo isto, a CIG é partidaria de convocar unha folga xeral na comarca a finais de xuño ou a comezos de setembro e fai un chamamento a CCOO e UGT a sumarse á iniciativa.

 

También te puede interesar